É un queixo madurado tipo «Queixo do País», elaborado con leite pasteurizado das nosas vacas. Ten codia natural, lavada a man con soro, unha tradición da avoa que recuperamos e que forma parte da nosa maneira de entender o oficio.
A súa textura é fina, cun punto lixeiramente granuloso. A codia, lavada e comestible, conserva ese aroma afroitado tan noso. No sabor atopamos suavidade e frescura láctica, cun toque lixeiro de acided típico dos queixos do país. O retrogusto: elegante, prolongado, con identidade.
Agarimo é unha palabra que leva moito dentro. Resume ese cariño co que as nosas avoas traballaban e moldeaban o queixo en tempos difíciles. Con moito Agarimo queremos renderlle homenaxe a todas elas.