É un queixo de pasta branda, elaborado con leite crú de vaca da nosa propia granxa e afinado con Penicilium.
Ten unha textura moi cremosa, lixeiramente adhesiva, cunha codia natural branca enmohecida e comestible. No nariz, desprende aromas lácticos e fúngicos, que lembran a terra húmida, a cogomelo e a nata.
En boca é moi fundente, cun sabor afroitado e herbáceo, e notas de noces e manteiga. O retrogusto é longo e persistente, cunha elegancia que fala de orixe e de coidado.